¿Algunha vez tes pronunciado algunha destas palabras máxicas? Eu, xa che confeso que si:

“Non sexas tan pesimista, tes moitas razóns para ser feliz”.  Seguindo con unha enumeración de verdadeiramente boas razóns, para ver a botella medio chea.

É moi probable que estas palabras, nalgunha ocasión, téñannos axudado a axudar Pero, que pasa cando temos a sensación de que con algunhas persoas, non só non nos funcionan, senón que incluso parecen estar empeorando as cousas? Tenche pasado algunha vez?

Benvid@s a un círculo vicioso.

Neste post, desvelareiche a través deste exemplo, un efectivo e ata divertido método, para enfrontar os teus problemas dun xeito diferente. Se o aplicas ben, non haberá círculo vicioso que te atrape!

COMO SE FORMA UN CÍRCULO VICIOSO?

Moitas veces, non nos damos conta de que a nosa forma de enfrontar unha dificultade, neste caso, un sensato consolo, de non axudar a 1ª nin a 2ª vez, dificilmente axudará ás seguintes. Pola contra, é moi común que non desistamos e repitamos o noso discurso, con diferentes matices e intensidades, unha e outra vez, como se o problema d@ nos@ amig@/parella/familiar fora de mala memoria, e tiveramos que lembrarlle unha e outra vez as numerosas cores que ten a vida, máis alá do negro carbón.

Neste caso, a sensación de que estes ben intencionados consolos non só parecen non consolar, senón que parecen provocar o efecto contrario, pode non ser só unha sensación. Para comprobalo, reflexiona un momento sobre a posibilidade de que neste “bucle consolador”, no que estás ou tes estado, se teñan dado algunha ou varias das seguintes circunstancias:

1. A persoa consolada síntese incomprendida, e ou ben se ailla, deixando de compartir contigo os seus sentimentos, ou ben, co fin de rebatelo teu “discurso feliz”, intenta buscar máis razóns que testemuñen o baleira que está a botella.

2. A persoa consolada séntese culpable por non ser capaz de valoralas cousas como debería, e as túas verbas súmenlle aínda máis no pozo.

3. A persoa que consola unha e outra vez sen éxito, angustiada tanto polas queixas como por non poder axudar, ou ben comeza a evitar á persoa á que quería axudar, ou ben continúa ao seu carón pero con un malestar crecente que, antes ou despois, dunha forma ou outra, afectará á relación.

QUE NOS DI A PSICOLOXÍA SOBRE OS CÍRCULOS VICIOSOS

Parece que unha vez máis cúmprese un sabio dito popular: “Foi peor o remedio, que a enfermidade”, o que en termos científicos ven a ser: “A solución é o problema”, é unha das ideas base da escola de terapia familiar sistémica MRI (Mental Research Insitute), unha das institucións de psicoterapia máis emblemática dos EEUU, fundada en Palo Alto (California) en 1959.  A súa  principal aportación conceptual, afastándose do psicanálise imperante da época, onde o foco de estudo encontrábase dentro da persoa, foi desprazar ese foco cara o sistema ou o que é o mesmo, analizar como as persoas interaccionaban entorno a un problema.

Para explicarche mellor todas estas ideas dunha maneira máis ilustrativa, utilizarei o mesmo exemplo que describen en Cambio (libro case fundacional da escola MRI e que che recomendo moi moito, se che interesa tanto como a min o estudo do comportamento humano).

Colle unha folla de papel e debuxa a seguinte figura de 9 puntos:

Enigma dos 9 puntos

O reto é unir eses 9 puntos usando só 4 liñas rectas, debuxadas sen levanto lapis do papel.

¿Conseguíchelo? Se a resposta é si, os meus parabéns!

Eu non o conseguín, e o certo é que a maioría d@s que intentamos resolver este problema por primeira vez, non damos coa solución correcta (que poderás coñecer premendo aquí), e non o facemos porque introducimos como parte da solución, un suposto que o fai imposible:

“Os puntos constitúen un cadrado imaxinario e a solución débese encontrar dentro deste cadrado”.

Ao actuar en base á suposición equivocada e autoimposta de que as liñas non poden ir máis alá dos puntos, o único garantido é o fracaso e a frustración.

Ademais, se te paras a pensar en como intentaches resolver o problema, verás que aínda que seguramente recoñéceche despois do primeiro intento, que a solución dentro do cadrado era imposible, continuaches aplicando o mesmo tipo de solución unha e outra vez, facendo variacións, pero sempre dende o mesmo suposto, se cadra modificando a velocidade, o punto de partida dentro do cadrado, a frecuencia dos intentos, ou a intensidade dos esforzos, é dicir, aplicando e obtendo o que o MRI denomina “máis do mesmo” ou cambios tipo1.

¿Resúltache familiar esta forma de actuar? Pois si, estes son os mesmos resultados que obtemos cando estamos estancados nun círculo vicioso.

Vexamos isto mesmo no exemplo co que comezamos:

Se te fixas nas solucións intentadas pola persoa que intentas axudar, tódolos seus intentos de axuda non son máis que “máis do mesmo” (cambios tipo 1), baseados no que cree “debería ser”.

¿Acaso crees que a túa filla adolescente non sabe de memoria o que chama “soltar a chapa”? ¿Ou que teu fillo non sabe como vas a reaccionar ante un dos seus rabechas? ¿Pensas de verdade que teu/túa amig@/parella/familiar non coñece cada verba do teu “discurso feliz”?

A realidade é que co “máis do mesmo” ao que tendemos, ademais de axudar a perpetuala situación, convertémonos en totalmente predicibles e respecto a isto, hai que ter en conta outra circunstancia: a investigación dentro da psicoloxía cognoscitiva ten demostrado que as persoas procesamos a información ignorando o que é usual e de costume. Si, sinto dicirche (aínda que seguramente xa o sospeitabas), que @ nos@ amig@/fill@/parella desconecta nada máis comezamos a falar. Polo que lembra que para atraer a atención de alguén, unha parte da información que transmitas, debe ser o suficientemente imprevisible, para que se rexistre como diferente.

O que me gustaría transmitirche hoxe é  que,   liberándonos de regras como “só dentro do cadro”, que nos limitan en número e tipo de opcións a intentar, conseguiremos poñer en práctica intentos de solución verdadeiramente distintos e imprevisibles (cambios tipo 2). Estes provocarán inevitablemente e como mínimo, reaccións tamén distintas n@ nos@ amigo@/parella/fill@/compañeir@, e por tanto, cambios  en nós, e cambios na relación (o sistema).

Resultado: Saionara círculo vicioso!

E antes de concretar todo isto no prometido método, gustaríame facer 3 aclaracións importantes:

1. Baixo esta teoría, non se establece ningún xuízo sobre a corrección dos intentos de solución aplicada. No noso exemplo, tódolos argumentos que damos poden ser moi certos, ou non. O que se pon en dúbida son as solucións intentadas unha e outra vez sen éxito, e dende unha perspectiva única da realidade. Non hai que negar que hai perspectivas máis eficaces ou precisas que outras, pero tamén é innegable, que non existe unha única perspectiva verdadeira.

2. O feito de que digamos que as solucións intentadas poidan estar perpetuando o círculo vicioso, non quere dicir en ningún caso, que a persoa que intenta axudar sexa a responsable do problema, algo que non se entra a valorar. Esta teoría basease na posibilidade de cambio derivada da influencia mutua: eu reacciono ante ti, ti reaccionas ante a miña reacción e así sucesivamente, que fai que calquera dos implicados nun círculo vicioso, teña poder para provocar cambios que o rompan. No exemplo, por non estenderme, eu céntrome na persoa que intenta consolar, pola contra, o método sería igualmente aplicable pola persoa consolada.

3. Gustaríame precisar tamén, que hai casos, como no bullying ou no maltrato machista, no que esta perspectiva non é a máis axeitada.

UN EFECTIVO MÉTODO PARA ENFRONTAR CÍRCULOS VICIOSOS

A estas alturas, estaraste a preguntar. Si, moi lóxico todo, pero no caso de que @ nos@ amig@/parella/familiar tendese á queixa e ao lamento vital, como sería esa solución insólita que nos axudaría a saír do círculo vicioso? Pois por suposto, habería que estudar o caso con máis detalle, pero cos datos que temos sobre as solucións intentadas pola persoa que consola, poderiamos probar as seguintes estratexias:

1. Abandona 100% o papel de animador/a e no seu lugar acepta honestamente a súa emoción negativa. Colócate na súa pel respecto a calquera asunto que lle preocupe, faille saber que as súas queixas son válidas e que ten todo o dereito a sentirse angustiad@. Non tes que ser fals@, lembra que é certo que a botella está medio baleira.

2. En vez de evitar os problemas prohibidos que orixinan a queixa, anímalle a que exprese as súas protestas, iniciando a conversación ti mesm@. Faino incluso dun xeito máis pesimista, expresando os teus propios sentimentos negativos, que tamén os tés.

Aínda que non o creas, máis que abrirlle as portas do negativismo, estas estratexias poden empurrar ao “pesimista” a unha posición máis positiva, entre outras razóns, porque lle permites desafogarse e lle liberas da “responsabilidade” de demostrar que a botella está tamén medio baleira. Atrévome incluso a predicir que, se o fas ben, será @ teu/túa amig@/parella/familiar quen asuma o papel de animador/a! Xa me contarás!

E agora si que si! Xa estás totalmente preparad@ para poñer en práctica o esperado Método Anti-Círculos Viciosos, que insisto, sería aplicable por calquera das partes implicadas.

1. Divide unha folla en dúas columnas: “Solucións intentadas sen éxito” vs “Solucións intentadas que teñen funcionado nalgunha ocasión”. (Por que non? Seguro que se o pensas detidamente, encontras algunha).

2. Intenta detectar o “suposto” que hai baixo as solucións intentadas sen éxito e, xírao 180º: “Unha persoa triste non ten por que necesitar ser animada”.

3. Baixo o novo suposto, empeza a pensar sobre que cambios concretos na túa forma de actuar respecto ao problema vas a poñer en marcha para saír do odioso círculo vicioso. A análise das solucións intentadas que si che teñen funcionado nalgunha ocasión, seguramente poda darche pistas. Deixa voar a túa creatividade e lembra o poder das conductas imprevisibles!.

4. Ponte a bata de investigador/a e observa e rexistra cada nova solución intentada, así como os efectos que estas están producindo:

* En ti mesm@: A nova forma de actuar, ¿Faiche sentir menos angustia respecto ao problema?

* Na persoa coa que tes o conflito: ¿Pensas que está a ter efectos positivos tamén nel/a?

* Na relación entre vós: ¿Cres que ten mellorado nalgún modo a vosa relación?

5. Aplica o “máis do mesmo” de aquelas estratexias que che funcionen e desfruta das melloras conseguidas!

Que che ten parecido? Cres que che pode ser útil nalgunha dificultade pola que estás a pasar neste momento? Agardo polos teus comentarios!

Se che ten interesado este artigo, anúncioche que nos meus seguintes posts (se te subscribes, poderalos recibir no teu e-mail), describirei exemplos de casos clínicos concretos, por suposto non propios por confidencialidade, pero si casos reais publicados por prestixiosos psicoterapeutas. Neles, poderás comprobar o súper poder desta forma de enfrontar problemas, que tirando de creatividade, como veremos proximamente, pode ser ata divertida!.

¿Atréveste a probar?

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies
Share This
× ¿Cómo puedo ayudarte?